Friday 29 de March de 2024

O alcalde de Monfero trasládalle ao delegado territorial da Xunta na Coruña diversos asuntos relacionados co concello


Andrés Feal presentoulle a Ovidio Rodeiro proxectos vinculados co patrimonio do municipio, con equipamentos deportivos e con melloras nos centros educativos

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, recibiu hoxe no seu despacho ao alcalde de Monfero, Andrés Feal. Xuntos repasaron as recentes actuacións da Xunta de Galicia no concello e analizaron as posibilidades que se abren en torno aos proxectos que manexa a corporación monferesa a curto e medio prazo.

As demandas do rexedor refírense a diferentes melloras nos centros educativos e en equipamentos deportivos. Tamén estivo presenta na reunión todo o relacionado co mosteiro e a súa contorna. A preservación do patrimonio histórico da antiga abadía cisterciense é un dos obxectivos da Xunta, que mantén unha firme aposta pola conservación e posta en valor de todo aquilo que contribúa a preservar a herdanza dos devanceiros da cultura e o patrimonio galegos.

Ovidio Rodeiro lembrou que nos últimos anos a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de investir máis de 130.000 euros en melloras nos centros educativos. Tamén salientou o importante esforzo en materia de formación, a través dos diferentes obradoiros de emprego, desenrolados por Monfero en colaboración con outros concellos da comarca. O delegado territorial da Coruña comprometeuse a trasladar as demandas de Feal aos respectivos departamentos.